O Aviador, da compañía Elefante Elegante, aterra na Axencia de Lectura Municipal de Carnota

 

 

 

 

 

 

 

O venres 2 de agosto a compañía Elefante Elegante aterrou en Carnota coa función O aviador, un espectáculo  de aventuras interactivo qeu recrea a amizade entre un aviador e un  moucho que, coma todos os mouchos, detesta a luz do sol. Entre os dous personaxes tentárono todo para que a noite non acabase nunca, ata que se decataron de que non é posible vivir nun mundo sen sol.

O aviador é unha bonita historia, acompañada dunha rica posta en escena, con marionetas de luva, sombras chinesas, música e grandes doses de humor.

Esta actividade desenvolveuse no marco do programa de dinamización lectora Un verán de Conto! da Axencia de Lectura Municipal de Carnota e conta co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do programa Ler Conta Moito.

Violeta, a carteira bolboreta chega a Carnota da man dos seus creadores

violeta a carteira bolboreta 2


 O pasado venres, 19 de xullo, no marco do programa de dinamización lectora Un verán de Conto!, tivo lugar o obradoiro infantil Violeta, a carteira bolboreta,  a cargo de Enrique Mauricio (Mau) e Carlos Álvarez Taboada (Pin), autores da colección “Polo correo do vento” (Xerais).

O obradoiro comezou coa narración dunha historia por parte de Enrique Mauricio,  acompañada de ilustracións en vivo de Carlos Álvarez Taboada.

Para rematar, relizamos cadanseu debuxo guiados polo ilustrador e coloreamos os murais deseñados por este durante a sesión, que xa decoran a biblioteca.

Esta actividade desenvolveuse co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao abeiro do programa Ler Conta Moito.


violeta a carteira bolboreta

Contacontos para primeiros/as Lectores/as con Miro Villar

Miro Villar

O pasado 12 de xullo gozamos dun encontro literario con Miro Villar, co que inauguramos o  programa de dinamización lectora Un verán de conto! promovido pola Axencia de Lectura Municipal de Carnota.

Durante a sesión, o escritor ceense contounos tres contos rimados da súa autoría (Carlota e a gaivota patiamarela, Rebelión na charca e A cobiza do verme Noel), acompañando a narración con proxeccións das súas correpondentes ilustracions.

 

Esta actividade conta co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao abeiro do programa Ler conta moito.

As nenas e os nenos de Carnota vivirán Un verán de Conto! na Axencia de Lectura Municipal

Un verán de conto! é un programa de dinamización lectora na infancia organizado pola Axencia de Lectura Municipal de Carnota, que se desenvolverá en catro sesións, durante os meses de xullo e agosto, con contacontos e espectáculos teatrais.

 

O programa arrancará o venres 12 de xullo ás 11:30 h, cunha sesión de contacontos, da man de Miro Villar. Con el coñeceremos os contos da serie “Carlota, a marmota” (Xerais); A cobiza do verme Noel (Galaxia) e Rebelión na charca (Sotelo Blanco), narrados polo propio autor.

 

Violeta, a carteira bolboreta é o título da segunda sesión, que terá  lugar o venres 19 de xullo, ás 11:30 h, na Axencia de Lectura Municipal. Mau e Pin, os autores da colección “Polo correo do vento” (Xerais), espertarán a creatividade dos máis pequenos mediante unha actividade que combina a narración oral e a ilustración.

 

O venres 2 de agosto a compañía Elefante Elegante chega a Carnota co espectáculo de aventuras O aviador, no que a narración oral estará acompañada pola música e grandes doses de humor. A función terá lugar ás 11:30 h no Salón de Actos do Concello.

 

Pecharemos o programa o venres 9 de agosto, con Príncipas e princesos (Os Contos de Pablísimo), unha sesión de contacontos que nos achegará unha divertida reflexión sobre a igualdade de xénero, a través de contos atípicos con cambios de rol e inversión dos papeis tradicionais. A actividade terá lugar ás 11:30 h, na Axencia de Lectura Municipal.

Todas as actividades están dirixidas a nenas e nenos a partir dos 3 anos de idade e desenvolveranse co financiamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao abeiro do programa Ler Conta Moito.

Descarga o cartel na seguinte ligazón:

Un verán de conto!

Sacamos os libros ao parque para clausurar a tempada do programa de dinamización lectora Venres Lúdicos

parque

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

O pasado venres clausuramos esta tempada do programa de dinamización lectora Venres Lúdicos da Biblioteca Municipal cunha festa ao aire libre, na que non faltaron xogos, lambetadas nin, por suposto, libros.

Durante este curso 15 nenas e nenos de entre 3 e 8 anos participaron asiduamente nesta actividade, destinada a promover o hábito lector na infancia dende unha óptica eminentemente lúdica.

No mes de setembro abriremos un novo prazo de inscrición para o próximo curso e a actividade retomarase no mes de outubro.

libros no parque

 

Preparamos os agasallos para o Día do Pai nos Venres Lúdicos

O 19 de marzo é o Día do Pai,  por iso dedicamos a última sesión dos Venres Lúdicos a preparar os agasallos cos que as nenas e os nenos obsequirarán a seus pais nesa data tan especial.

 

Lecturas para a igualdade no Día Internacional da Muller

O 8 de marzo conmemoramos o Día Internacional da Muller no marco do programa Venres Lúdicos da Axencia de Lectura Municipal, cunha sesión de contacontos centrada na temática da igualdade de xénero e a coeducación. A sesión comezou coa lectura do libro O país dos mandóns, de Paloma Rodríguez e Cristina Justo, e rematou cunha actividade orientada reflexionar sobre os estereotipos de xénero, a partir da lectura da obra Azul e rosa, de Ana Pillado Vega.

Exploramos o mundo das adiviñas nos Venres Lúdicos

Abrimos os Venres Lúdicos do mes de marzo cun obradoiro centrado na tradición oral, e máis concretamente no xénero das adiviñas.

A adiviñanza é un extraordinario recurso didáctico que nos permite ampliar o noso vocabulario, exercitar a memoria e a agudeza mental, traballar a oralidade, traballar cooperativamente na procura da resposta correcta, por en valor e divulgar a nosa literatura popular, introducirnos no mundo da poesía a través da rima e, como non, xogar e pasar moi bos momentos.

Febreiro, mes do amor e a amizade nos Venres Lúdicos

O 2 de febreiro é o día da Candeloria, festa da luz e do amor, cuxa orixe se remonta aos cultos pagáns celtas. A Candeloria marca a metade do inverno e é considerada na tradición popular o preludio da chegada da primavera e do renacer da natureza.  Aproveitamos esta celebración para festexar o mes do amor e a amizade e traballar os afectos coas nenas e os nenos que cada semana participan no programa de dinamización lectora Venres Lúdicos.

O veres 1 de febreiro,  representamos o namoro dos paxaros con cartolina, para festexar a Candeloria. Segundo o refraneiro popular galego, “A partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”.  E, tal e como recolle Luís Amado Carballo no seu poema titulado “Candeloria”, o 2 de febreiro é o día en casan os paxariños nas árbores:

(…)

Na catedral do abrente
oxe cásans’ os paxaros,
con nubens de neve e ouro
está o ceo galanado.

(…)

E o 15 de febreiro celebramos o Día do Amizade intercambiando bicos, apertas e agasallos elaborados por nós mesmos.

Tamén fixemos un obradoiro de traballos manuais, no que confeccionamos peixiños a base de corazóns, para llelos regalar aos nosos seres queridos.

Celebramos o Día Escolar pola Paz e a Non-Violencia

O 30 de xaneiro, coincidindo co aniversario da morte de Mahatma Gandhi (1869-1948), celébrase o Día Escolar pola Paz, co obxecto de destacar a importancia da educación para fomenta valores como o respecto polos dereitos humanos, a non-violencia, a solidariedade, a concordia ou a multiculturalidade.

Dende a Axencia de Lectura Municipal de Carnota sumámonos a esta celebración e dedicamos as sesións dos Venres Lúdicos do mes de xaneiro a actividades centradas na educación en valores. Así pois, entre tod@s creamos o noso Muro da Paz e un libro de poemas pola paz e a non-violencia que xa loce nas nosas estanterías. Tamén  confeccionamos unha morea de pombas brancas coas que fixemos chegar mensaxes de paz  aos nosos fogares.

 

 

WordPress Themes